A Terra Chá é unha comarca cantareira. Existen varias agrupacións musicais ligadas esencialmente a música folk. Ademais, a Terra Chá serve como temática á hora de compoñer cancións.
A orografía chá da comarca, o paso do Río Miño ou a forma de vida da Terra Chá inspiraron a varios artistas. Primeiro a poetas nativos como Manuel María ou Darío Xohán Cabana. Logo a artista de referencia no país. Seleccionamos cinco temas de referencia.
‘Once Upon a Time: A Terra Chá’ – Ataque Escampe
Ataque Escampe é un grupo santiagués nacido hai xa máis de vinte anos. Móvense en diversos xéneros musicais e para varios expertos son considerados dos mellores letristas en galego.
A banda acumula oito álbums longos de estudio, ademais de varios EP e algún sinxelo. Foi en 2011 cando publicaron a canción ‘Once Upon a Time: A Terra Chá’. O tema está recollido nun dos discos máis recoñecibles de Ataque Escampe, ‘Violentos anos dez’. Nel inclúen cancións como ‘Festa malandrómica’ ou ‘Segunda división’.
“Unha canción triste para nenos do interior”, así definiu o grupo a canción que fai referencia á Terra Chá. Nela falan de racismo cun “título de vaqueira e música de xoguetes rotos”. O retrouso da canción é historia da comarca: “Son unha negra a camiñar un sábado en Vilalba sen ollar para atrás. Once upon a time: a Terra Cha. Estou ben informado do alcance criminal da vida […]”.
‘O carro’ – Fuxan os Ventos
Fuxan os Ventos é unha das referencias da música folk en Galicia. O grupo fundouse en Lugo en 1972. Ao longo da súa traxectoria mantiveron un alto compromiso social nas súas interpretacións. A súa maior época creativa foi nos anos setenta e oitenta. Logo reapareceron en diversas ocasións e en 2022 conmemoraron o seu cincuenta aniversario.
Moitas das composicións de Fuxan os Ventos parten de cancións populares ou de poemas de autores recoñecidos. É o caso do tema ‘O carro’. É unha poesía de Manuel María, poeta da Terra Chá. O grupo musicou esta composición e publicouna no seu disco ‘O Tequeleteque’ en 1977.
“Non canta ninguén na Chá por eso o meu carro canta. Canta o seu eixo tan ben que a señardade me espanta”. Son versos que converteron a Fuxan nun ‘hit’ da época e ao carro da Chá no máis famoso do territorio galego.
‘A Terra Chá’ – Cadela Asasina
Cadela Asasina é o grupo máis novo desta serie. Formouse en 2016 como unha agrupación de música tradicional galega. Os seus membros andan polo país adiante, pero teñen as súas raíces na Terra de Lemos. Defínense como ‘Folk furtivo da Ribeira Sacra’.
En 2018 gravaron un videoclip coa súa versión de ‘A Terra Chá’. O tema en si é unha revisión do himno partisino, ‘Bella ciao’. O recoñecido O Leo i Arremecághona foi o autor desta letra en galego.
“Esta mañán-e, eu levanteime, na Terra Chá, Terra Chá, Terra Chá, Chá, Chá, Chá […]”, deste xeito Cadela Asesina cántalle a Terra Chá dende a Ribeira Sacra. De paso, estreitan lazos entre estas dúas comarcas lucenses.
‘Terra Chá’ – Suso Vaamonde
Suso Vaamonde foi un cantautor galego nado en Ponte Caldelas en 1950. Comezou moi novo no rock. Máis tarde achegouse ao folk e pasou ao movemento Voces Ceibes. Tivo un compromiso claro coa defensa dos galegos, da terra e do idioma.
Musicou diversos poemas. Entre eles, ‘Terra Chá’ da autoría do poeta Darío Xohán Cabana. Publicouno en 1977, no disco ‘Nin rosmar un laído’: “Longa Terra Chá de Ventos, longa Terra Chá de ríos, forte e brava, Terra Chá, ledicia do vello Miño […]”.
‘Terra Chá’ – Radio Océano
Radio Océano foi un grupo de punk-rock galego creado na Coruña en 1981. O máis cañeiro desta lista. Naqueles anos oitenta axudaron a montar unha escena do rock en galego xunto a outros grupos como Os Resentidos.
Tiveron unha traxectoria curta. Logo dun gran período inactivo, nos últimos anos os Radio Océano volvéronse xuntar para dar concertos. A mediados dos 80 publicaron ‘Terra Chá’, unha auténtica homenaxe aos habitantes da nosa comarca.
O tema ‘Terra Chá’ ten pouca carga de letra, pero fala por si só cun par de estrofas e un retrouse que non para de repetir a palabra ‘Chá’. No fondo todos fumos nalgún momento “un labrego da Terra Chá, que usa calcetíns de lá”.